Buscar neste blog

xoves, 15 de setembro de 2016

Raclette: sentimento a lume lento

Se tivese que mencionar algún deses inesquecibles do Escena Pro 2016, sería o Raclette de Ibuprofeno Teatro. Tanto é así, que non dubidei en repetir a experiencia da comida en comunidade para refrescar detalles e revisar de novo aquelas notiñas que xa tiña tomadas dende o mes de xuño. O experimento resultou, unha vez máis, claramente satisfactorio. A mesa hexagonal (e, sobre todo, a raclette) foi, de novo, o nexo de unión entre dúas ceas paralelas e entrelazadas, mais con cadansúa atmosfera emocional. Unha mesa con seis pratos e cinco comensais. Quizais para que finalmente o público sexa ese sexto convidado a degustar os tomates, o queixo ou a carne. Aínda que so sexa olfactivamente.

Malia tratarse dunha comida social, digna deses pastores dispostos a darse calor, o ambiente que se respira entre os personaxes no escenario de Raclette resulta en certo modo distante. Durante a maior parte da peza, comunícanse somerxidos nesa luz fría que se pronuncia na brancura da mesa. Resulta case imposible acceder aos verdadeiros pensamentos dos protagonistas, pois raramente os manifestan de maneira sincera ao resto de oíntes. E é que non soamente existe un límite intanxible entre as dúas ceas complementarias. Dentro de cada unha delas, cada personaxe posúe a súa propia barreira protectora de sentimentos e emocións. En conxunto, isto acentúa os roces e os enfrontamentos entre eles, de tal xeito que todos os acontecementos se precipitan e as verdades comezan a caer polo seu propio peso chegando ao final da representación. É aí cando a atmosfera se volve máis cálida, máis íntima. Cando todo estoura e se pon o broche de ouro tras toda a tensión acumulada. E o broche de ouro é a mirada desas dúas nais esnaquizadas que fusionan os dous mundos.

Segundo avanza a acción, as pezas do acontecido e que levaron aos personaxes á situación actual van encaixando. Coñecemos aos cinco protagonistas unicamente sentados á mesa, pois o que sabemos deles extraémolo de como se comportan nese momento. Por isto, a idea que nos levamos de cada un é bastante característica, pero ao meu xeito de ver nunca se chega a alcanzar a caricatura como podería parecer na personaxe de Marián Bañobre. Os diálogos entre eles son críbles abondo como para que non se produza ningunha "sobreinformación", mais ao mesmo tempo conséguese atar cabos de maneira sinxela. Ao ter que contar toda a historia que desembocou nesa cea a través das conversas, resulta importante xogar coa curiosidade do público deixando pistas, pero sen ofrecer un desenlace previsible dende o primeiro momento. Está arriscado de tal xeito que ata os últimos dez ou quince minutos da peza non se pode montar o crebacabezas completo do pasado dos protagonistas, chegando ao final case da man dos personaxes que descobren o acontecido nese momento.

O xogo coas dúas unidades espazo-temporais é un dos grandes atractivos desta peza. Resulta abraiante ver como ao mesmo tempo ambas situacións son independentes e dependentes, xa sexa no ámbito da trama coma no da utilaría. As conexións entre as historias e as chamadas de atención dunha na outra factores dignos de mención. Miradas, cruces ou xestos que son activados por frases e palabras ditas na outra conversa son detalles que non pasan en ningún caso desapercibidos. Ademais, este vaivén entre a cea en parella e o trío produce en numerosas ocasións grandes choques emocionais. Pasamos dunha nai angustiada e desfeita a unha vexetariana repelente que bebe viño ecolóxico. Dun pai que quere pasar páxina a un faranduleiro que non quere que a cámara lle chupe a alma. Non é máis ca unha mostra de que ao fin e ao cabo o mundo segue a xirar, e estea cada un na situación que estea, aí fóra haberá tantas emocións coma persoas. 

O tratamento do espazo é excelente, pois todos os ocos acaban por encherse e ningún sector do público queda descolgado. Hai espectadores observando a acción dende os catro puntos cardinais, formando esa tan mencionada comunidade ao redor da comida. Persoalmente, esta é a primeira peza coa que tiven a oportunidade de ser espectadora dende o propio escenario en dúas ocasións, e o cambio de perspectiva é outro dos puntos a favor da peza. Ao fin e ao cabo, deste xeito todo o público participa na raclette. Xa non soamente se trata de dúas historias que se mesturan e das que somos testemuñas, senón que se percibe unha certa proximidade. Semellante á de estarmos todos sentados á mesa.