Buscar neste blog

mércores, 11 de novembro de 2015

"Unhas poucas picadelas": violencia de xénero a través de Teatro de Ningures

Unha aberrante noticia plasmada nun claro e conciso cadro de Frida Khalo refléxase, á súa vez, na peza homónima Unhas poucas picadelas. Xa na imaxe do programa vemos unha recreación de tal pintura na que apreciamos ao home fitando á súa muller recén asasinada, quen sabe se con remordementos ou con superioridade coma quen acaba de gañar unha batalla. El e ela, personaxes sen nome que poderían aplicarse a calquera pola avergoñante periodicidade con que nos atopamos con casos semellantes. Do que temos a certeza e de que el está sendo interpretado por Machi Salgado e ela por Casilda Alfaro de maneira espectacular, sen esquecernos da fundamental e omnipresente voz de Pepa Barreiro, todos eles modulados por Etelvino Vázquez.

Ao comezo da obra, resúltanos chocante a actitude de ela, pois parece unha peza na que será a muller a que domine ao home, como amosándonos a outra faciana da violencia de xénero. Porén, axiña nos decatamos de que unicamente estamos oíndo os berros en silencio da muller maltratada, todo o que lle gustaría reprocharlle á cara ao seu home collendo ese altofalante, sen ser capaz. O escenario é un reflexo desa familia desequilibrada, mesa e cadeiras desiguais e a diferentes alturas, coma se o peor dos tornados (o el bébedo) arrasase ese fogar, inestabilizándoo. Ese espazo é testemuña de todas as vexacións que ela sofre, e malia que en varias ocasións se enfrontan a través de miradas sempre será el quen teña a última palabra. Por todo isto, a medida que o cuarto se volve máis sucio, máis desordenado, máis caótico, tamén o fai o espírito dos personaxes ata chegar a ese punto de non retorno no que unhas poucas picadelas os destrúen por completo.

Ela parece non ter dereito nin a posuír a súa propia sombra. Os mensaxes machistas e fascistas que escoita pola radio semellan formar o seu manual de vida. O manual da boa esposa. Recítanlle como debe comportarse, someténdose por completo á vontade do seu marido e mostrándose agradecida por iso mesmo. Ese altofalante é a súa vía de escape, o seu xeito de sobrevivir, pois soamente cumprindo a raxatabla todo o que lle indica terá unha menor probabilidade de que el se volva violento cara a ela. O altofalante, os estereotipos, son outro opresor máis, e xunto co seu home anúlana como persoa. Soamente se fai oír cando el non o fai, subindo ás cadeiras, véndose sobre el e berrando dende o alto; berrando todo o que garda dentro, nese último recuncho da súa alma no que aínda hai unha pinga da persoa que era e da esperanza que leva consigo, pero que se ve asoballada polo seu exterior consumido e maltratado. Porén, no momento no que el levanta a vista, cambia de carácter completamente. Asente, cala, sorrí, mira para abaixo. Apenas escoitamos dúas palabras seguidas, el desautorízaa e insúltaa, e nalgúns momentos resulta terrorífico ver que determinados comentarios acaban provocando risas no patio de butacas.

El posúe unha sombra enorme, moito maior ca el mesmo como "persoa". Representa o perfil clásico do maltratador, machista, e incluso homófobo e racista. Ao exculparse, cando está preso, recrea a situación da noticia que inspirou a Khalo: "non foi para tanto, so unhas poucas picadelas"; afogando en alcohol, mostra unha actitude cambiante, dominante e manipuladora, exercendo todo o poder e máis sobre ela. Se hai algo que debo dicir de Machi Salgado é que o mellor que pode acadar con esta peza é que todo o público saia do teatro odiándoo, odiando a ese el ao que dá vida e que tantos arrepíos provoca nos espectadores. Unha gloriosa e complicada interpretación que, sen dúbida, ten moitísimo mérito.

A relativa proximidade das situacións nas que se ven implicados e o contraste coas mensaxes machistas que ela escoita (a pesares de que parecen ridículas) mostran como a sociedade actual vive ligada ao pasado. Unha peza clara e directa, que non xoga moito á innovación ou á orixinalidade no tratamento do tema, pero cunha importante carga emocional e de significado. A miúdo relacionamos a violencia de xénero coa violencia física, e nalgúns casos incluso a ampliamos á psicolóxica; non obstante, un gran problema a día de hoxe é a violencia simbólica, a baseada en estereotipos, en valores e normas, que aínda que non estean escritas ou non resulten tan abraiantes coma as que se ven e escoitan nesta peza, seguen presentes e son outro cancro pendente de extirpación que afecta á nosa sociedade. Doutra banda, ao final da peza, vemos como o proceso é cíclico: todo comeza de novo, todo volve a suceder. Todo comeza con sorrisos e flores, e remata con iso. Cunhas poucas picadelas. 

Chegará realmente o momento no que situacións coma as que representa esta obra sexan recordos dun pasado remoto?

Por todas esas doces princesas, mortas a mans do que fora o seu príncipe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario