Buscar neste blog

venres, 5 de xuño de 2015

O Principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico

Por que non substituír os dous bicos, que son a mostra de cordialidade máis fría do mundo, por un abrazo de catro segundos? Ah, non, que xa nos estamos pasando da raia. 

A peza do autor catalán Josep María Miró i Coromina ten, dende este ano, a súa versión en galego grazas á compañía Teatro do Atlántico coa dirección de Xúlio Lago. Sendo a pederastia o tema principal, o argumento xira en torno a un adestrador de natación infantil que, segundo unha nena, lle deu un abrazo e un bico a un neno que tiña medo a tirarse á piscina sen flotador, provocando as queixas dos pais do resto de nenos.

O protagonista, Xurxo, que se caracteriza pola súa rebeldía e infantilismo, contrasta en gran medida co carácter serio e formal de Héctor. Antes de que o primeiro descubra o conflito no que está metido, vemos que o seu comportamento no vestiario dos monitores se caracteriza pola vitalidade: imita a diferentes persoas, fai bromas co seu compañeiro e incluso ceiba algúns comentarios sen pensar dos que se arrepentirá máis tarde ("os cabaliños de mar son só meus"). Porén, unha vez que Ana lle comunica as queixas dos pais dos seus alumnos, ese espírito dinámico esvaécese e consómese en si mesmo, tratando de xustificarse e buscando a confianza dos seus compañeiros, a pesares de que non chegará a conseguila. Toni Salgado, a través de Xurxo, é capaz de transmitir esa desesperación e angustia de quen quere ser escoitado e comprendido sen conseguilo; de quen está vendo como o seu mundo se ven abaixo de súpeto, dun momento para outro; de quen se dá conta de que a súa vida está comezando a cambiar a pasos de xigante, cada vez máis rápido, e sen poder facer ou dicir nada por evitalo.

Máis alá da interpretación, un dos puntos fortes é o xogo cos saltos no tempo entre as diferentes escenas; isto crea un efecto interesante no público, que ten que unir e formar a cronoloxía dos feitos acontecidos. Nos momentos clave, un escurecido total do escenario acompañado dos sons que se poden oír unha piscina pública serven como transición entre as distintas situacións. Ademais, o feito de que sobre o escenario, a modo de segundo público, nos atopemos con dúas filas de caras coñecidas do mundo audiovisual e teatral galego resulta curioso: semella o xurado que ha de emitir o veredicto a favor ou en contra de Xurxo.

Porén, a chave da peza está nas preguntas que xorden a partir da mesma: pódese afirmar algo a partires do que di un neno? Como podemos saber se se trata dun testemuño fiable? Por outro lado, será máis crible o que diga Xurxo? Todo induce á reflexión, un tanto filosófica, e do mesmo modo que rematamos a peza con esas dúbidas, é razoable pensar que en tantas situacións similares que se repiten no noso día a día tampouco podemos dar coa resposta rapidamente. Un xuízo nunca poderá ser claro ao cen por cen cando as probas son tan difusas, posto que a miúdo os testemuños de quen o presenciaron se atopan manipulados polas propias percepcións inconscientemente (un exemplo claro teríamolo no filme 12 homes sen piedade). Ao ver a obra, o pensamento pode ser que Xurxo é inocente debido á angustia que mostra despois de coñecer as acusacións dos pais. Porén, do mesmo xeito que vemos a impactantemente xenial interpretación de Toni Salgado, quen nos di que Xurxo non sexa tamén un bó actor? Estános mentindo, ao igual que fai con Ana e o tabaco?


Outro dos temas principais é a censura a día de hoxe, contrastando coas situacións que Ana lle explica a Héctor: probablemente, trasladándoas á situación actual, en moitos casos se pensaría que estamos a falar de pederastia. No caso de Xurxo, entendendo que sexa inocente, parecen ridículas as barreiras que se poñen hoxe en día. Se darlle un abrazo a un neno porque ten medo converte ao seu monitor en abusador, a saber que se pensaría do que Ana conta do seu pasado. Avanzamos nunha sociedade que limita as mostras de cariño, pois á mínima estámonos "pasando da raia". Dise que se precisan catro abrazos ao día para sobrevivir, oito para vivir e doce para medrar; non obstante, hoxe en día, os límites son ríxidos e as mostras de afecto non se poden mostrar tan efusivamente a non ser que se busquen calificativos despectivos.

Está claro que esta peza me incitou a reflexionar (iso, das que a min me gustan) e mesmo me emocionou por momentos dado que vin reflexados nos personaxes a persoas coas que me atopei nun momento da miña vida. Por iso, eu manteño que Xurxo é inocente, que sempre o será e que non se merece o mal momento polo que está pasando; o problema acaba sendo ese: culpable ou non, a imaxe que está conseguindo acompañarao sempre. Unha gozada de produción para Teatro do Atlántico, e unha interpretación sublime por parte de Toni, María, Alberto e Marcos, grandes caras coñecidas dos escenarios galegos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario