Buscar neste blog

sábado, 23 de maio de 2015

Té con Kant, de Inversa Teatro

Xa hai tempo que me dei conta de que o teatro é un arte que pode englobar todo canto o autor decida. Todo é válido, non existen límites nin excepcións, e non é pouco usual atoparse con auténticas fusións de teatro e filosofía (non hai máis que mirar producións como Perplexo, Ganas de ouvear...). Isto é o que ocorre en Té con Kant, unha obra creada por María Caparrini e Marta Pérez, e interpretada formidablemente por esta última e María Roja.

Podería definirse como unha constante loita de argumentos e opinións por parte das mulleres recén chegadas da Königsberg da Ilustración, que se mesturan cos espectadores facéndose co control de todo o salón de actos. A finalidade da peza é a decisión sobre o futuro das protagonistas: quedarse na época actual ou voltar ao pasado? Por isto, o elemento chave é a interacción directa co público, dando lugar a unha singular peza de teatro íntimo na que Theodora e Johana debaten a súa situación aportando diferentes puntos de vista e facendo alusións aos máis célebres filósofos. Dende Hume ata Georg Hamann, incluíndo a Marx e mantendo ao prusiano Immanuel Kant como fío condutor, facemos unha viaxe a través da historia da filosofía moderna e contemporánea; coñecemos os trazos principais de cada autor e o contexto histórico que os caracteriza de xeito claro, partindo de situacións excéntricas recreadas polas dúas protagonistas. A produción resulta ser instrutiva á par que divertida, pois a mestura entre ambas partes orixina unha peza amena e fácil de seguir por aqueles espectadores con interese pola filosofía.  

A escenografía non pasa desapercibida, pois sérvense de diferentes elementos audiovisuais para ilustrar as explicacións que se lles van ofrecendo ao público, xa sexa a través de sombras, vídeos ou proxección de imaxes. Non obstante, ao tratarse dunha produción na que os espectadores deben intervir tan activamente, estes acaban por converterse nunha peza máis do xogo, orixinando unha representación teatral dinámica na que se demostra a capacidade de improvisación das actrices. O seu dominio do auditorio é fabuloso, a pesar de que os coñecementos previos sobre a materia tratada na obra tamén determinan o interese do público pola mesma.

Cando os espectadores teñen á súa disposición toda a información necesaria, deben tomar unha decisión sobre o futuro das protagonistas seguindo o imperativo categórico kantiano. Neste caso, eu diría que Theodora e Johana deberían regresar á súa época para advertir ao filósofo Kant de que o futuro non sería como se esperaba no ámbito da moral, polo que deberían remediar o pasado. É dicir, elas seguirían sen poder acceder á universidade sen travestirse, pero sería posible unha mellora do futuro (actualidade) e da vida de infinidade de persoas que aparecerían posteriormente. Por outra parte, de quedarse no presente, as únicas favorecidas serían elas, e supoño que neste caso actuarían de xeito máis egoísta, nietzscheano. O imperativo categórico di que hai que actuar por deber, e neste caso opino que o deber de ambas sería colaborar na melloría da maior parte de individuos posible.

Ao falar dunha produción teatral na que se fala de filosofía, o pensamento inicial soe ser de estrañeza: quen vai querer ver unha obra na que hai que reflexionar? Por sorte, como dixen ao comezo desta entrada e noutras anteriores, xa hai tempo que me decatei de que no teatro todo serve. De feito, as obras que precisan unha fervedura de miolos son as que máis me atraen, pois levan detrás un traballo superlativo. Con Té con Kant non ía ser menos, desta vez no salón de actos do IES Rosalía de Castro. Por todo isto, mil grazas aos profesores de filosofía por traernos esta marabillosa peza, e a miña máis sincera noraboa a María Caparrini, Marta Pérez e María Roja por saber conxugar de xeito excelso o humor e a reflexión filosófica. 




E, por suposto, non nos esquezamos do mestre de ceremonias sen o que non podería existir esta produción.

Yes we Kant

martes, 19 de maio de 2015

Demolición, de Cándido Pazó (Talía Teatro)


Unha curva da estrada. Unha cadeira de rodas. Uns apartamentos en primeira liña de praia. Unha enfermidade. Varios coches. Un can negro. Unha praza de minusválidos. Un calcetín. Dous personaxes dispares. Dous pasados. Unha demolición. Isto e moitas curiosidades máis, no espectáculo Demolición, escrito e dirixido por Cándido Pazó e transmitido ao público a través de Toño Casais e Artur Trillo, de Talía Teatro.

A sede da conversa, un lugar indeterminado ao lado dunha curva da estrada. Unhas pedras, os restos dun cartel enferruxado e unha farola escangallada son testemuñas dos xuízos de Santi Dinamita (Din) e Mario. É curioso como, paulatinamente, imos coñecendo a ambos personaxes. Os pensamentos dun vense de súpeto interrompidos polas palabras do outro, nun xogo de tira e afrouxa que nos mantén intrigados. Os comportamentos van collendo forma a medida que avanza a trama, para rematar cunha reconstrución case íntegra do pasado dos dous estraños. 

Conversas cargadas de reflexión. A frustración como solución?  O pobo é bo por definición? Ata que punto todo é relativo? Sen dúbida, quédome coas ideas transmitidas a partir das formigas e os estorniños. Coas primeiras, cada individuo cumpre a súa función polo ben da colonia, nunha sempiterna alienación incuestionada. Os estorniños rompen, ironicamente, as inexistentes regras e trazan impredecibles traxectorias no ceo, marcando a súa propia liberdade. Dúas actitudes completamente opostas, que se poden trasladar sen moito esforzo ás da sociedade actual. 

De xeito máis directo, menos metafórico, vemos que Cándido Pazó trata temas que están á orde do día, dende o propio título da peza (reforzado con sentenzas varias como "contra a especulación, demolición", "casas sen xente, xente sen casa") ata os problemas que conleva a condución temeraria, así como as perspectivas ante diversos temas por parte dos dous protagonistas, a miúdo opostas. Dúas personalidades chocantes entre si, pero ao mesmo tempo semellan "complementarias". Crúzanse miradas nos momentos xustos, as bágoas agroman nos seus ollos no momento adecuado: Artur Trillo e Toño Casais aportan esa credibilidade que precisa o teatro para deixar que o público sexa engulido pola historia. A síntese entre drama e comedia (comidrama: un termo que exprese esa alquimia dramática entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión) é sublime, de xeito que en ocasións mesmo foxe algún sorriso en momentos tensos sen que poidamos (nin queiramos) facer nada por evitalo. 

Esta era unha desas pezas que había tempo que tiña ganas de ver, pero por unhas cousas ou por outras nunca se prestaba a ocasión. Finalmente conseguín facerme cunha butaca no Salón Teatro para aprezar esta completa obra, dun Cándido Pazó tan estupendo coma de costume (un dos meus directores predilectos). Así mesmo, o traballo dos dous actores é abraiante.

Polo tanto, Talía Teatro, podería calificar esta obra con diferentes atributos (bela, irónica, ocorrente, destrutiva, soberbia, relativa, decidida), pero xa se sabe o que ocorre co substantivo e o adxetivo, así que mellor gárdome estes últimos entre parénteses.