Buscar neste blog

domingo, 26 de abril de 2015

Ganas de ouvear, de Teatre Nacional de Catalunya, CatroCadeiras e CDG

Atraída pola idea de que a obra teatral estivese coproducida por Galicia e Cataluña, dirixinme ao Salón Teatro ás 18:00 desta tarde para poder presenciar a produción Ganas de ouvear (Ganes d'udolar en catalán). A obra está dirixida polo Dani Salgado, e os intérpretes son el mesmo e Joan Giralt, co apoio de Montse Piñeiro e Laura Romero, a cargo da escenografía.

Ganas de ouvear é un máis que claro exemplo do que é o teatro didáctico, ese teatro cuxos maiores exponentes foron Piscator e Brecht a través do épico. Os dous actores, ambos docentes tanto dentro coma fóra do teatro, buscan transmitir aos seus alumnos (e ao público en xeral) que é a poesía a través de imaxes, símbolos, metáforas. Como fío condutor, os textos de Alfonso Pexegueiro e Narcís Comadira, galego e catalán.

Podemos apreciar as percepcións que teñen ambos personaxes respecto ao teatro e á dramaturxia, partindo de experiencias propias (verdadeiras ou falsas), principalmente a través dos extensos soliloquios de Salgado. Por outro lado, é salientable a crítica que se fai do sistema educativo, cuxas guías docentes proceden de xente case allea ao mesmo que goberna nas clases do profesorado. 

Abundan os xogos con diferentes elementos do escenario, case espido, como manequíns, rolos de papel ou teas; é interesante cando, ao comezo da obra, coa axuda dun espello, unha luz azul percorre a todos os membros do público. De feito, os distintos xogos que fai Salgado con ese espello parecéronme curiosos. Non obstante, debo dicir que na maioría dos casos non captei a mensaxe que trataban de mandar ao público con ditos elementos. Máis concretamente, chamoume moito a atención un momento no que Salgado atravesa un panel dun material plástico despois de rasgalo coa navalla, a pesar de que non conseguín relacionalo con nada. As proxeccións tamén son un elemento clave da obra, que enchen pequenos ocos entre escenas ou complementan ás mesmas.

O recitado de poemas e as reflexións sobre os mesmos son a parte esencial da produción, e non cabe dúbida de que se trata dunha peza moi traballada arredor dos textos mencionados anteriormente. Aínda así, dende o meu punto de vista, en ocasións a representación faise moi densa; é obvio que todo o que filosofan e analizan é máis que interesante, pero non obstante nalgúns casos o público pérdese entre os textos nunha obra dunha duración tan ampla.

A transformación de Salgado, quen pasa de ter un trauma coa poesía a valorar máis a arte poética, móstranos que non hai que temerlle a ese xénero, tan esquecido e rexeitado hoxe en día polas novas xeracións. Segundo o propio Dani Salgado nunha entrevista, pretenden mostrar a arte da "manipulación da palabra"; estamos acostumados a tomar a poesía como algo que non se entende, pouco claro, e esta produción achéganos a ela mesturándoa coa literatura máis visual: o teatro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario